domingo, 18 de abril de 2010

O ying e o yang

A taberna valeira arrecende a leña e a silencio. A alborada entra pola fiestra ornamentando cunha irreal cor dourada a atmósfera, semella en tales refulxencias que cada obxecto posúa unha pequena alma.
Fóra chove maino e miúdo, e cada pinga de cristal reflicte mil raios irisados.

Polo carreiro que conduce ó río pasan dous homes moi elegantes. Por uns momentos a canción das súas verbas aleda o ar.
Un deles é alto e forte, lanzal, fermoso . Gasta barba de prata e un ollar limpo e nobre que lle fan parecer un antigo druída.
O outro home é delgado, moreno, moi galán e o seu porte denota máis idade. Camiñan sorrindo e nos seus ollos adivíñase a benevolencia e a paz dos que non teñen medo.

Achégome moi leda ó porche e saúdo á parella tirándolles bicos coa man. Eles, de lonxe, advírtenme e mándanme tamén moitos bicos. Cando desaparecen por tras dun outeiriño sinto unha estraña sensanción de orfandade mesturada coa felicidade de me ter cruzado con eles.

A primavera estoupa sen estridencias en pequenos gromos verdes, con forma de percebes. Doces perfumes florean o ar. A natureza érguese impaciente do sono invernal. No meu corazón saloucan cabalos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario