A taberna amenceu hoxe instalada nunha cidade. Ao abeiro do tellado non había niños de merlos ou de pegas, senón unha farola de diseño que alumaba unha fermosa beirarrúa ateigada de macetas con flores de distintas cores. O verán comeza a esvaírse, e as follas das árbores empezan a se acugular nos curros.
Asómome á porta e, divertida, ollo á xente camiñar con présa, cadaquen afondando nos seus pensamentos; renacendo do sono, moitos e outros moitos guiados polos soños da noite aínda non pasada de todo.
Unha parella de chineses achégase a min, sorrindo e facendo lixeiras reverencias coa cabeza. Eu respóndolles imitándoos: sorriso e inclinación de cabeza. Pasan á taberna e póñolles café con leite a ela e cortado para el. Eu agardaba que pediran cha, ou algunha infusión: teño que desfacerme de tanto prexuizo!
A moza, sen deixar de sorrir, pregúntame nun galego bastante bo:
-¿Esta é a taberna que está en venda?
-Miña, aínda non.
Todos tres seguimos sorrindo e ao marcharen, xa era día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario