martes, 26 de outubro de 2010

2666

2666 de Roberto Bolaño.

A novela póstuma de Bolaño evoca no título, primeiro enigma que se propón ao lector, unha combinación da cifra apocalíptica coa do milenio presente. Só hai un elemento de paratexto que encabeza o corpo da novela, unha cita arrepiante de Baudelaire: “Un oasis de horror en medio de un desierto de aburrimiento”.

Este é o panorama nada esperanzador que se lle propón ao lector nada máis abrir o libro. E, desde logo, non decepciona. O trasfondo apocalíptico e demoníaco que se albisca desde o comenzo perdura ao longo de toda a obra. A novela consta de cinco partes, que segundo a nota dos editores resisten lecturas independentes e que habían ser publicadas coma relatos ou novelas curtas –como desexaba o autor. Cinco puntas do pentáculo que constitúe a arquitectura do conxunto total da novela.

Mais, ¿cal é o fío dese horror subterráneo? Diríase que a raigame dese horror afonda nunha linguaxe excesivamente limpa, descarnada coma os restos dun esquelete. É unha linguaxe que rabuña e manca. A voz lírica, que sabemos pola nota final do axente literario de Bolaño, é a de Arturo Belano, personaxe que aparece en outra novela do autor, Los detectives salvajes. Podería ser este un apunte para a relectura conxunta de ambas, xa que tamén se menciona a posibilidade de que a data 2666 aparece nunha visión dun personaxe da mesma novela. En distintos momentos tamén observamos incisos e reflexións sobre a literatura moi interesantes, que contribúen a facer moi recomendable a lectura desta novela.

A dureza e a capacidade de crueldade da alma humana desterran a esperanza dunha humanidade só redimible, acaso, polo amor desinteresado ou pola amistade, dos que só se albiscan breves fulgores. Desde as torturas e asasinatos de mulleres en Ciudad Juárez á Segunda Guerra Mundial, explóranse os currunchos máis sombríos e arrepiantes da Historia. Por riba desta abafante atmótsfera aboia unha sensación de absurdo, mesmo de “trasmundo”, que se realimenta polos extraños sonos que inquedan ás personaxes. Mesmo hai unha rara aparición do “Testamento Xeométrico” asinado por Rafael Dieste, autor tamén do inefable “Dos arquivos do trasno” (¿coincidencia diabólica?).

Ningún comentario:

Publicar un comentario