sábado, 20 de agosto de 2011

Perdón por... ¿¿BRINDAR??


Polo visto, as inquinas e as intrigas na corte imperial romana obrigaron aos máis poderosos a instaurar nas celebracións que incluían libacións a práctica de entrechocar as copas para que o líquido de ambas se mesturara, co fin de garantir que ninguén pretendía enveleñar a ninguén. Esta praxe espallouse polas clases menos privilexiadas e, con ese delongamento, perdeu a connotación de receo. Hogano podemos afirmar que o exercicio do brindis é unha manifestación de boa vontade, complacencia, e mesmo de boa educación.

A palabra brindis vén do alemán "bring dich" que significa "ofrézocho". Ofrenda a quen con nós bebe para acadar a súa aquiescencia; rito que reverbera na memoria da humanidade dende o Neolítico.

Esta semana non nos quedou máis remedio que soportar o espectáculo das desculpas que os peperos supranacionais demandaban á súa parroquia porque un dirixente do partido en Donosti brindou co alcalde de Bildu.

Ultimamente teño a sensación de que vivimos no mundo ao revés. A xente honesta, devaluada. Estes pillos, facendo o agosto (nunca mellor dito). Fáltanos ver que algún destes ilustres señores pida perdón, por exemplo, polos casos de corrupción que protagonizan ELES, e non o alcalde de Bildu, escollido polo seu pobo, por máis que lles doa.

Sorte que a corrupción, tomando de referencia os procesos naturais, é sinónimo de descomposición, estadio previo á disolución.

Dende a taberna, elevamos as nosas copas de viño agardando que os deuses lles sexan propicios a aqueles que son quen de brindar, aínda sen ter os elementos a favor. ¡SAÚDE CONVOSCO!

Ningún comentario:

Publicar un comentario