Sinto hoxe unha tristura
fonda, aceda, que abrolla aos poucos. É unha sensación en parte coñecida, coma se chorara sen consolo a
ausencia dun ser querido. É dó. É saudade. É náusea.
Dó por Galiza. Dó por un
país alleo do seu, sen raigames, desconectado da cerna, que a un tempo é a que
lle podería conferir vida. Un país, o meu amado país, do que só me chegan malos
agoiros e salaios de morte. Manipulado desde fóra, a través dos fíos de monicreques a soldo de Terra Ancha, inimigos do pobo. Sobre todo do pobo galego, ao que desprezan abertamente.
Saudade dos tempos que
non foron chegados. Tempos cos que moitas e moitos soñamos, e que, non sen
medo, sospeito xa que non chegarán. Saudade
dos bos, dos xenerosos, hoxe que precisamos tanto deles.
Loitemos, irmás e irmaus,
por non rematar vencidos polo noxo. Conteñamos a respiración, evitemos a
inhalación destas miasmas apodrecidas. Resistamos, hogano, a contaminación dos
que nos queren a todos mortos. Si, mortos e escravos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario