xoves, 8 de outubro de 2015

Unha noite o espírito do viño bailaba na botella...



Tiziano, Bacanal dos adrianos (1523-1526).

. […] Efectivamente, moitas brebaxes máis ou menos rituais son tiradas dunha planta: o soma  dos actuáis hindús, xurdido do Sacostema viminale; o occtli mexicano e peruano; o peyotl en América do Norte e, finalmente, o viño. Nesta simbiose simbólica do brebaxe, a copa e a árbore, posuímos un interesante exemplo de captación dunha significación en proveito dun simbolismo diferente: por intermedio do brebaxe sagrado, o arquetipo da copa chegará ás mitoloxías arborícolas. O brebaxe intégrase así na mitoloxía dramática e cíclica do vexetal. Bachelard –filósofo da Champaña- sinala ese papel microcósmico e zodiacal do viño, que “no máis profundo das adegas volve a inicia-la marcha do Sol nas casas do ceo”. O simbolismo alimenticio está claramente contaminado polas imaxes cósmicas e cíclicas de orixe agraria; o viño “florece” igual que a viña, é un ser vivo cuio responsable e guardián é o viñateiro. Porén, o que aquí nos interesa, sobre todo, é que o brebaxe sagrado é secreto, está oculto, ao mesmo tempo que é auga de xuventude. E o viño se vencella a esa constelación na tradición semítica de Gilgamesh ou de Noé. A deusa mai era alcumada “a mai cepa de viña”; e a deusa Sidhuri, “a muller do viño”, identifícase con Calipso da Odisea, deusa que habita unha illa no centro, no embigo do mar. O viño é símbolo da vida oculta, da xuventude triunfante e segreda. Por iso, e pola súa cor vermella, é unha rehabilitación tecnolóxica do sangue. O sangue recreado polo lagar é o signo dunha inmensa victoria sobre a fuga anémica do tempo. O whiskey gaélico, o maie-i-shebah persa, o geshtin sumerio, todos eses símbolos son chamados “augardente”, “bebida da xuventude”, “árbore de vida”. O arquetipo da bebida sagrada e o viño entre os místicos, acada o isomorfismo con valorizacións sexuais e maternas do leite. Leite natural e viño artificial confúndense no goce xuvenil dos místicos.
                De aquí proveñen o papel sacramental do consumo dos “viños”, non só entre os semitas, os cristiáns e sobre todo os mandeos, senón tamén entre os indios de América do Sur e os xermanos. Dumézil insistiu no importante papel representado entre eles polo banquete ritual, a libación e a embriaguez colectiva. Este papel das bebidas fermentadas é moi comparable ao do soma indoiraní e as bebidas rituais alcoholizadas de África e América. A virtude destas libacións é crear unha ligazón mística entre os participantes e, á vez, transforma-la condición sombriza do home. A misión do brebaxe embriagador é deroga-la condición cotiá da existencia e permiti-la reintegración orxiástica e mística. E, como comproba moi atinadamente Dumézil, moi frecuentemente a festa ten lugar en inverno, “tempo da vida estreita”, e deste xeito denota unha preocupación de involución, de énstase, bastante achegados aos ritos taoístas de acumulación vital. Por último, nestes costumes xermánicos da libación atopamos outro elemento isomorfo: o cerveceiro soberano é Aegir, o deus da auga, o gran disolvente marítimo. Hymir, o que garda o caldeiro divino, non é máis que un xenio do mar. (Inspirador texto tirado de Gilbert Durand, Les structures anthropologyques de l’Imaginaire, 297-299, Dunod, Paris, 1992).

Ningún comentario:

Publicar un comentario