luns, 29 de outubro de 2012

Luces de Bohemia

Están a representar, na Biblioteca de Catalunya, as derradeiras andanzas  de Max Estrella, acompañado de Don Latino de Híspalis, que ben se puideran tratar das versións deformadas nos albores do século XX do paradigma Don Quijote-Sancho Panza, tamén caricaturas dos heroes medievais. A literatura con maiúsculas sempre está vixente: metáfora dunha España decadente, composta de cegos visionarios e de bébedos que non queren ver, e de fame, moita, moita fame. Da vontade de retratar esa España, Valle-Inclán fundou o esperpento, como única posibilidade de simulación dun país tan miserable que non acada para unha traxedia solemne ao estilo dos clásicos atenienses.



A recomendable adaptación dirixida por Oriol Broggi e interpretada pola compañía La Perla 29 asimila maxistralmente a abstracción espacial, que fixera irrepresentable no seu tempo as obras de Valle, e tíraa no seu proveito, facendo e desfacendo escenarios en segundos e “deconstruíndo” a escena clásica en area, ignoro se de touradas ou de circo.
As luces e as escuridades, a decadencia humana e social e certos instantes da posta en escena evidencian a estética de Goya, quen fora modelo, tamén, para o autor.


Ningún comentario:

Publicar un comentario