Esta mañanciña a Taberna amenceu no centro dun
labirinto. Dende a fiestra, sob o ceo azul eléctrico,
dexergábanse longos corredores que se bifurcaban, que confluían e refluían uns
noutros, coma se de regatos brincadores se tratara. Fun abrindo portas, xanelas
e ventanos e dende todos eles a vista era parella, inacabable, enigmática. E,
coma nun lostregazo, espreitei nunha galería a ollada esculcadora do Minotauro.
Lembrei ao cego Borges, que saíu e entrou en
múltiples labirintos. E lembrei, daquela, a casa de Asterión, que era do tamaño
do mundo. Alí, cada nove anos o Minotauro cumpría coa súa tarefa de liberar a
un home. Antes de morrer, un deles lle profetizara que un día chegaría o seu
redentor. Daquela, a Asterión deixou de lle mancar a soedade. Teseo
marabillouse: -Ariadna, ¿has crer que o Minotauro case nen se defendeu?
No soño que lle soñou Tabucchi a Dédalo, cando
o arquitecto atopa ao Minotauro, descobre que o monstro ten saudades da Lúa. O
home, compadecido do home-besta, achegoulle as ás de cera e penas e nun chimpo
de felicidade, saíu voando cara a Lúa.
Matinei nos Circuítos do Non, que se compoñían
dunha complicada arquitectura elíptica.
Dubidei se o Minotauro viría esta vegada a
plantexar ou a resolver un enigma. Dubidei se o vira ou non, de certo. E aínda cismei
se o vin fóra ou dentro da Taberna...
Agora cavilo se non serei eu o Minotauro, se
non serás tú, que agora miras...
Tirado das webs:
http://www.futuropasado.com/?p=264
http://www.celtiberia.net/verimg.asp?id=7164
Brava!!!
ResponderEliminar