sábado, 24 de xullo de 2010

Vieiros

Véspera do Día de Galiza, hoxe, 24 de xullo, a língua galega recibe outra labazada máis. O diario dixital Vieiros pecha.

MÁGOA.

xoves, 22 de xullo de 2010

José Saramago

A pouco máis de un mes do pasamento de Saramago quixera lembrar a súa figura na Taberna, o seu legado. Lembrar os momentos deliciosos e brillantes de "O Evangelho Segundo Jesus Cristo", por poñer un caso. Lembrar que defendía o que para moitos hoxe é indefendible e que o expresaba sen complexos:
"Non me parece que (Chávez) sexa populista. Iso é un pexorativo para alguén que se preocupa directamente e sen ningún disfrace pola mellora de clases que durante xeracións e xeracións non saíron da miseria", expresou o escritor portugués a xornalistas na cidade colombiana de Cartagena. En opinión de Saramago, Chávez "está usando dun xeito correcto a riqueza" cuxa otixe é o petróleo, do cal Venezuela é o quinto exportador mundial, pero como todo o mundo non ten a mesma visión, moitos acúsano de demagoxia.
(Tirado de Vieiros: http://www.vieiros.com/nova/59765/segundo-saramago-a-chavez-chamano-populista-por-preocuparse-polos-pobres)

martes, 20 de xullo de 2010

Días quentes

A corrente de aire é practicamente inexistente, malia a ter tódalas fiestras abertas. O ambiente que se respira na taberna é pesado, coma se se puidera apalpar coas mans. A calor, abafante.

venres, 4 de xuño de 2010

Celebración da arte.

O día 1 deste mes foi o aniversario do meu irmán Eduardo. Non é que vaia felicitarlle agora o seu día que xa o fixen cando correspondeu. É que cada ano pasamos un mes e pico sendo da mesma idade. Esta circunstancia, aínda que semelle irrelevante, confire á nosa irmandade unha extraña e inusual comunión.

Quero e admiro moito aos meus tres irmáns, Alejandro, Amalia e Eduardo. Posúe cada un deles, como é lóxico, o seu temperamento e as súas particularidades e, por certo, refulxen aos meus ollos con cadansúa luz propia.

A luz de Eduardo é, sen dúbida, a que nace da súa extraordinaria sensibilidade para a arte en xeral. Todo e sendo autodidacta, é quen de artellar composicións dunha estética altamente refinada e cunha impronta inconfundible. A grandeza deste selo personal, ao meu modo de ver, provén daquela visión do mundo que só os grandes artistas son capaces de reflectir; aquelo que todos vemos e sabemos pero non sabemos expresar, aprehender o inapreixable, a esencia do mundo que nos rodea. Todo isto verque o meu irmán nas súas obras, pictóricas e literarias, todas elas impregnadas de país, de sabor galego.

¡Bicos!

luns, 17 de maio de 2010

17 de maio de 2010: Novoneira sempre.

Sexa propicia a primavera, esta primavera, para lembrar aos poetas. Todos aqueles poetas que marcharon e deixaron pegada. Os do mar e os da montaña. Entre eles, xorde forte o teu verbo rexo:

Do Courel a Compostela: 1956-86

Escolma. Pranto polo Ché. Elexía instantania a Ernesto Guevara

AS aves da tua morte foron os muricegos que non vira en todo o ano.

Por iles soupen que é certo.
É certo! é certo! é certo! é certo! é certo!

Ás palazadas por dúbida entre certeza quer vir o pranto
como o peso de prumas inda quentes dos derradeiros paxariños mortos
de tódalas anduriñas que cairon ó irse.

Como os homiños morren os éroes
non se funden Os Andes nin nada.
A mesma door xa afroxa a gorza ó decorrer polo pranto baixiño.

E nin inda agora nin para ti teño outra voz.

10 noite
10/10/67

Poema tirado da Biblioteca Virtual Galega.

luns, 3 de maio de 2010

Día 1 de maio, festa do traballador.

Impónse un momento para a reflexión no día adicado ao obreiro e no que esta celebración representa. Sobre todo neste intre en que o desalento preme mesmo nos peitos das e dos máis valentes.

Por unha banda, os gobernos, tirándonos os poucos dereitos que estaban "consolidados" e traballando arreo a prol das grandes empresas multinacionais
Por outra, unha clase empresarial desvencellada de calquera compromiso social, e liderada por Díaz Ferrán, coñecido polo escándalo que acompañou o peche dunha das súas empresas: Air Comet, do que saíron perxudicadas moitas personas.

Na taberna houbo un coloquio moi concurrido sobre estas e outras circunstancias que afectan tanto á paisanía. Aínda que había opinións para tódolos gustos, rematamos a festa concluíndo que moitas cousas nos quedan por ver e facer e, aínda que ás veces nos vexamos empurradas a dar un paso atrás, os nosos ollos e o noso corazón miran sempre cara adiante. Así que botamos uns cantos brindis por todas e por todos.

Luz e saúde!

venres, 23 de abril de 2010

¡saúde!

Atribúe a wikipedia o seguinte dito a Karl Marx:

“A propiedade privada tornounos tan estúpidos e limitados que un obxecto só é noso cando o posuímos”.


Ó fío desta frase quixera encetar esta nota, coa que comezo unha nova andadura virtual.


Abrir unha taberna como a da Galiana ao público téñelles o seu intríngulis. Ben quixera lles transmitir todas as andrómenas coas que matinei equipar este espazo. A total ausencia delas non implica que non estean planificadas, así que xa irei engadindo “gagdets” que amenicen o paso das xentes por este lugar.
Hogano tocoume a min abrila e supervisar a actividade que nela se desenvolva. Mañá pódelle tocar a vostede. Lugares coma este non queren donos nin amos, só alguén que se ocupe de manter unha mínima hixiene e abrir e pechar cando toque.


A porta está aberta... ¡saúde!

domingo, 18 de abril de 2010

O ying e o yang

A taberna valeira arrecende a leña e a silencio. A alborada entra pola fiestra ornamentando cunha irreal cor dourada a atmósfera, semella en tales refulxencias que cada obxecto posúa unha pequena alma.
Fóra chove maino e miúdo, e cada pinga de cristal reflicte mil raios irisados.

Polo carreiro que conduce ó río pasan dous homes moi elegantes. Por uns momentos a canción das súas verbas aleda o ar.
Un deles é alto e forte, lanzal, fermoso . Gasta barba de prata e un ollar limpo e nobre que lle fan parecer un antigo druída.
O outro home é delgado, moreno, moi galán e o seu porte denota máis idade. Camiñan sorrindo e nos seus ollos adivíñase a benevolencia e a paz dos que non teñen medo.

Achégome moi leda ó porche e saúdo á parella tirándolles bicos coa man. Eles, de lonxe, advírtenme e mándanme tamén moitos bicos. Cando desaparecen por tras dun outeiriño sinto unha estraña sensanción de orfandade mesturada coa felicidade de me ter cruzado con eles.

A primavera estoupa sen estridencias en pequenos gromos verdes, con forma de percebes. Doces perfumes florean o ar. A natureza érguese impaciente do sono invernal. No meu corazón saloucan cabalos.