domingo, 15 de setembro de 2013

Para comezar a escola, adaptación libre de Lincoln co texto orixinal ao fondo.


Adaptación libre da carta que se lle atribúe a Abraham Lincoln, enviada ao mestre do seu fillo.

A miña filla comeza hoxe a escola. Todo lle ha resultar estraño e novo e é por iso que desexaría que a trate con agarimo. Comeza unha aventura que a vai levar a través de continentes. Tódalas aventuras inclúen guerras, traxedia e tristura. Pero tamén para vivir a súa vida ha necesitar fe, amor e valentía.

Por iso, querido Mestre, prégolle que a colla da man e lle ensine as cousas que ten que aprender, apréndallo con agarimo, na medida que lle sexa posible. Apréndalle que por cada enemigo, hai un amigo. Ela terá que saber que non todas as persoas son xustas, que non todas son rectas. Pero apréndalle tamén que por cada pillabán existe un heroe, e que por cada político deshonesto, hai un líder entregado.

Apréndalle se pode que 10 céntimos gañados son moitísimo máis valiosos que un dólar atopado. Que na escola, mestre, é moito máis honroso fallar que facer trampas. Apréndalle a perder con elegancia, e a disfrutar coa victoria cando gañe.

Apréndalle a ser amable coa boa xente, e firme coa xente dura. Guíea lonxe da envexa e apréndalle o segredo do riso tranquilo. Apréndalle, se pode, a rir cando estea triste, apréndalle a non se avergoñar das propias bágoas. Apréndalle que tamén existe a gloria no fracaso e a desesperación no éxito. Apréndalle a se burlar dos hipócritas.

Apréndalle se vostede pode cantas marabillas hai nos libros, pero tamén déalle tempo a valorar o misterio máxico dos paxaros no ceo, as abellas baixo o sol e as flores nos verdes outeiros. Apréndalle a ter fe nas súas propias ideas, mesmo cando todos os demáis lle digan que está trabucada.

Téntelle amosar á miña filla a acadara forza necesaria para non seguir ás masas cando todos o fagan. Apréndallele a escoitar a todo o mundo, pero apréndalle tamén a filtrar a verdade no que oe e a quedarse só co bo que lle chega.

Apréndalle a vender os seus talentos ao mellor postor, pero nunca a poñer prezo ao seu corazón e á súa alma. Anímea a ter a coraxe de ser impaciente, anímea a ter a paciencia de ser afouta. Apréndalle a ter fe sublime en sí mesma, para que teña sempre fe suprema na humanidade, en Deus.

Pídolle todo isto, Mestre, e mire qué é o que pode facer. Ela é só unha neniña pequena e boa, e é a miña filla.



 A escola de Doloriñas. Julia Minguillón, 1943.


Letter from Abraham Lincoln to his son’s teacher

My son starts school today. It is all going to be strange and new to him for a while and I wish you would treat him gently. It is an adventure that might take him across continents. All adventures that probably include wars, tragedy and sorrow. To live this life will require faith, love and courage.

So dear Teacher, will you please take him by his hand and teach him things he will have to know, teaching him - but gently, if you can. Teach him that for every enemy, there is a friend. He will have to know that all men are not just, that all men are not true. But teach him also that for every scoundrel there is a hero, that for every crooked politician, there is a dedicated leader.

Teach him if you can that 10 cents earned is of far more value than a dollar found. In school, teacher, it is far more honorable to fail than to cheat. Teach him to learn how to gracefully lose, and enjoy winning when he does win.

Teach him to be gentle with people, tough with tough people. Steer him away from envy if you can and teach him the secret of quiet laughter. Teach him if you can - how to laugh when he is sad, teach him there is no shame in tears. Teach him there can be glory in failure and despair in success. Teach him to scoff at cynics.

Teach him if you can the wonders of books, but also give time to ponder the extreme mystery of birds in the sky, bees in the sun and flowers on a green hill. Teach him to have faith in his own ideas, even if everyone tell him they are wrong.

Try to give my son the strength not to follow the crowd when everyone else is doing it. Teach him to listen to everyone, but teach him also to filters all that he hears on a screen of truth and take only the good that comes through.

 Teach him to sell his talents and brains to the highest bidder but never to put a price tag on his heart and soul. Let him have the courage to be impatient, let him have the patient to be brave. Teach him to have sublime faith in himself,
because then he will always have sublime faith in mankind, in God.

This is the order, teacher but see what best you can do. He is such a nice little boy and he is my son.



mércores, 17 de abril de 2013

Ao Mestre Eduardo Carreira González que marchou na primavera do ano 2008.


Foi Mestre querido polos nenos. Foi Pai amado polos seus fillos. Un Home de Ben. Un Home de Paz. 
Un Cidadán. Ao máis puro estilo clásico, como dixo un dos seus amigos.

Na túa casa cada día te evocamos con todo o noso amor.

Eduardo, se estiver agora con nós, sabería o gozo inmenso de brincar cos seus netos, de lles falar galego, de acompañalos no descobremento dos ciclos e misterios da natureza que a el, tan sabio, aínda o abraiaban dous días antes do seu pasamento. De aprenderlles a quererse, como a el e aos seus irmáns lles enseñou o Padriño, meu bisavó.

Vía Láctea foi escrito por el, non lembro cando exactamente, se cadra xa pasaron máis de 25 anos. 

VIA LÁCTEA.

 Vía Láctea, estalicada camiño de Compostela,
guía de mil camiñantes
que, antes do señor Santiago,
xa ían ata a Fisterra.

Camiño moi ben marcado por monumentos de pedra,
dolmens e penas agudas,
en Castroverde alineados
seguindo a súa estela.

Vieiro espiritual mimado polos druidas,
para, no tempo cumprido,
dar frores priscilianistas.

Este home, PRISCILIANO, que creía nas estrelas,
foi precursor do Camiño,
¿enterrado en Iria Flavia?
...quen sabe si en Compostela.

E logo, o señor Santiago,
gran patrón da nosa terra,
para atraer peregrinos
á soñada Compostela.


luns, 11 de marzo de 2013

MUNDOS NOVOS QUE ESTÁN POR CHEGAR...



Tralo pasamento de Hugo Chávez ábrese un tempo novo en Venezuela. Na taberna da Galiana brindamos con viño da terra, faltaría máis, por que perviva a vía socialista, bolivariana e popular que se abriu, e que está a medrar pola América Latina. Que chegue axiña a esta Europa doente e se espalle polo mundo enteiro: ¡viva o ben común!

Tempos modernos. Chaplin.
 

mércores, 27 de febreiro de 2013

DÓ POR GALIZA.



Sinto hoxe unha tristura fonda, aceda, que abrolla aos poucos. É unha sensación en parte coñecida, coma se chorara sen consolo a ausencia dun ser querido. É dó. É saudade. É náusea.

Dó por Galiza. Dó por un país alleo do seu, sen raigames, desconectado da cerna, que a un tempo é a que lle podería conferir vida. Un país, o meu amado país, do que só me chegan malos agoiros e salaios de morte. Manipulado desde fóra, a través dos fíos de monicreques a soldo de Terra Ancha, inimigos do pobo. Sobre todo do pobo galego, ao que desprezan abertamente.

Saudade dos tempos que non foron chegados. Tempos cos que moitas e moitos soñamos, e que, non sen medo, sospeito xa que non chegarán. Saudade dos bos, dos xenerosos, hoxe que precisamos tanto deles.

Loitemos, irmás e irmaus, por non rematar vencidos polo noxo. Conteñamos a respiración, evitemos a inhalación destas miasmas apodrecidas. Resistamos, hogano, a contaminación dos que nos queren a todos mortos. Si, mortos e escravos.

      



martes, 22 de xaneiro de 2013

Cincuenta Sombras de Grey: sexo, pancadas e moito luxo.

Os seres humanos somos caprichosos. É lugar común aquilo que sobre gustos non hai nada escrito. E os que escribimos sobre os gustos simplemente deixamos constancia dos nosos; da nosa opinión persoal, que vai cambiando, medrando, evolucionando ao longo de toda a nosa vida -o que non é malo, senón desexable-. Resumindo, que hoxe podo decir "digo" e mañán, se evoluciono, digo "Diego". E quédome tan contenta.

Mais non acadei aínda a iluminación precisa para atopar nas "sombras de Grey" un só punto de xenialidade, se excluímos deste comentario o detalle de que é un supervendas. Mesmo lin que é o libro máis vendido en Reino Unido en toda a historia das vendas libreiras no país de Shakespeare ¿será certo? A min seméllaseme unha chanza.

Polos mentideiros de internet porfíase que a triloxía naceu dunhas cantas fics (abreviatura de fanfiction) que a autora, E. L. James, elaborou partindo das personaxes da tamén supervendas "Crepúsculo". Edward e Bella son sustituídos por Christian e Ana. A historia está contada por ela. El é un tiazo guapísimo, sofisticado e sexy, inmensamente rico grazas ao seu holding empresarial Grey que fai parecer a Ruiz Mateos un aprendiz do Monopoly. Ela, unha inexperta recén licenciada en literatura inglesa que nunca namorara deica o momento en que tropeza con este fenómeno. Desde o principio hai moita chispa, ata que chegan os lóstregos, ou máis ben, os lostregazos. Resulta que ao tío bon vaille o sado...

Entón aparece un contrato (para que a rapaza asine a súa sumisión), o control absoluto do seu corpo (alimentación, xinecóloga, roupa...) e mesmo agasallos para poder localizala en todo momento (blackberry, mac).  Intercálanse comidas e ceas de luxo e mesmo viaxes en helicóptero privado. A min o conxunto lémbrame ás propostas de control neocons da muller, ou porqué non, por extensión, da clase traballadora: sumisa, voluntaria, renuncia ao seu corpo (esta loita é moi antiga), dependente. Resumindo, todo aquilo que as primeiras feministas se preocuparon de rexeitar e que preocupa tamén aos novos indignados.

De literatura fálase, pero pouco e superficialmente dun libro, pero non teñan medo fálase máis da roupa que lucen os personaxes. ¿Chic-lit? . Encol do estilo e artificios retóricos sinalar que son planos e/ou inexistentes. Se cadra innecesarios. Semella que encheu un "nicho de mercado" baleiro que dan en identificar como "porno para mamás". Noraboa aos editores. Teño que ser honesta e admitir que só lin o primeiro libro da triloxía. Se cadra o sado-maso redímese máis adiante e triunfa o amor, todo apunta a que si.

Na miña caprichosa opinión, como empecei dicindo, este é un produto pouco elaborado, como unha hamburguesa do McDonald's. Emporiso, como esta cadea de comida rápida, tamén cumpre cunha función que eu non sei ver ou non sei apreciar. Hai un anaquiño, mentres redactaba esta crítica, lembrei a situación das librarías que están a desparecer.
Ah, hai rumores de que no local da Catalonia, na Ronda Sant Pere van poñer un McDonald's.

 O Marqués de Sade. Ademais de perversa, a súa prosa é enxeñosa, anticlerical e crítica co sistema da época.

xoves, 29 de novembro de 2012

A dignidade, a luz: ¡devólvenos de "recursos" a "humanos"!



Marcos, Laurentino, Albert e Carlos víronse obrigados a deixar a folga de fame que viñan mantendo desde hai 23 longuísimos días. Longos e marabillosos. Desde a súa fame achegáronnos un chisco de luz aos que estabamos ancorados nas tebras dos nosos recunchos de fartura morna.
            A mazá que penduraran do teito apodrecía, en canto que a dor da súa fame ia taladrando as conciencias da xente que non podía manter allea a súa loita.
            Eu só podo dárvo-las grazas de corazón e agardar que non fora en van, o voso sacrificio. Non, non foi en van, CONMOVESTES ATA OS ALICERCES!!! 

Fotos: Emilius.

domingo, 25 de novembro de 2012

Labirintos


Esta mañanciña a Taberna amenceu no centro dun labirinto.  Dende a  fiestra, sob o ceo azul eléctrico, dexergábanse longos corredores que se bifurcaban, que confluían e refluían uns noutros, coma se de regatos brincadores se tratara. Fun abrindo portas, xanelas e ventanos e dende todos eles a vista era parella, inacabable, enigmática. E, coma nun lostregazo, espreitei nunha galería a ollada esculcadora do Minotauro.

Lembrei ao cego Borges, que saíu e entrou en múltiples labirintos. E lembrei, daquela, a casa de Asterión, que era do tamaño do mundo. Alí, cada nove anos o Minotauro cumpría coa súa tarefa de liberar a un home. Antes de morrer, un deles lle profetizara que un día chegaría o seu redentor. Daquela, a Asterión deixou de lle mancar a soedade. Teseo marabillouse: -Ariadna, ¿has crer que o Minotauro case nen se defendeu?

No soño que lle soñou Tabucchi a Dédalo, cando o arquitecto atopa ao Minotauro, descobre que o monstro ten saudades da Lúa. O home, compadecido do home-besta, achegoulle as ás de cera e penas e nun chimpo de felicidade, saíu voando cara a Lúa.

Matinei nos Circuítos do Non, que se compoñían dunha complicada arquitectura elíptica.

Dubidei se o Minotauro viría esta vegada a plantexar ou a resolver un enigma. Dubidei se o vira ou non, de certo. E aínda cismei se o vin fóra ou dentro da Taberna...

Agora cavilo se non serei eu o Minotauro, se non serás tú, que agora miras...

Pedra do Labirinto, Mogor, Pontevedra. Idéntico á pedra atopada en Hollywood, Irlanda.
Tirado das webs:
http://www.futuropasado.com/?p=264
http://www.celtiberia.net/verimg.asp?id=7164



luns, 12 de novembro de 2012

CUESTIÓNS SOBRE A LIBERDADE E O MEDO


Onte no Ateneu Popular de Nou Barris a  arquicoñecida Teresa Forcades falaba sobre a liberdade e a solidariedade. Das inxentes e interesantes cousas sobre as que disertou foi sobre a preocupante extensión do concepto liberal tan repetido:“a liberdade individual chega ata onde comeza a dos demais”. Esta concepción nefasta fai que percibamos ao próximo coma un rival, coma un inimigo que está a limitar a nosa liberdade. A monxa confesou preferir o principio anarquista que reza que “é imposible a liberdade propia sen que a posúan tamén os que nos rodean”. Entre outras cousas tamén avogou porque o debate sobre o déficit fiscal de Catalunya non sexa utilizado para tapar o déficit social, moi superior ao resto do Estado. Frase salientable respecto deste tema: “No vull una Catalunya governada per La Caixa”. Tamén falou sobre asuntos como a alienación da capacidade de traballo do individuo e sobre a teoría do darwinismo social de Máximo Sandín, teoría que na Taberna non coñeciamos e que prometemos comentar noutro post.

Ada Colau da Plataforma de Afectats per la Hipoteca tamén emocionou á audiencia cun discurso cheo de humanidade. Lembrounos que a solidariedade é a chave tanto para manter a loita como para estabelecer unha rede alternativa de apoios cidadáns. Esta é a única táboa de salvación destas familias abafadas polas débedas, pero sobre todo por unha presión social e mediática tremenda que condena o feito de devir “pobre”, algo que lle pode pasar a calquera asalariada ou asalariado.

Elena Idoate, economista, que viña en representación do Seminario Taifa, tamén fixo unha intervención moi suxerente na que animaba ao público asistente a pensar que sí hai alternativas as políticas económicas que nos están a impoñer e que, en última instancia, nós, os cidadáns, temos moito que dicir e moito que facer.

Tamén se achegaron ao acto moitos outros grupos en apoio á Folga de Fame dos traballadores de Telefónica, que hoxe levan xa 8 días.

http://huelgadehambreentelefonica.blogspot.com.es/ 

martes, 6 de novembro de 2012

FOLGA DE FAME

Tal e como xa nos avanzaran hai uns días, varios traballadores de Telefónica acaban de comezar unha folga de fame, para esixir a readmisión de Marcos e a modificación da lei que permite que sexa a empresa a que decide se o traballador continúa ou non cando o despido é improcedente. Tamén piden que ningún traballador sexa despedido por caer doente. Para máis info:

http://huelgadehambreentelefonica.blogspot.com.es/