luns, 12 de novembro de 2012

CUESTIÓNS SOBRE A LIBERDADE E O MEDO


Onte no Ateneu Popular de Nou Barris a  arquicoñecida Teresa Forcades falaba sobre a liberdade e a solidariedade. Das inxentes e interesantes cousas sobre as que disertou foi sobre a preocupante extensión do concepto liberal tan repetido:“a liberdade individual chega ata onde comeza a dos demais”. Esta concepción nefasta fai que percibamos ao próximo coma un rival, coma un inimigo que está a limitar a nosa liberdade. A monxa confesou preferir o principio anarquista que reza que “é imposible a liberdade propia sen que a posúan tamén os que nos rodean”. Entre outras cousas tamén avogou porque o debate sobre o déficit fiscal de Catalunya non sexa utilizado para tapar o déficit social, moi superior ao resto do Estado. Frase salientable respecto deste tema: “No vull una Catalunya governada per La Caixa”. Tamén falou sobre asuntos como a alienación da capacidade de traballo do individuo e sobre a teoría do darwinismo social de Máximo Sandín, teoría que na Taberna non coñeciamos e que prometemos comentar noutro post.

Ada Colau da Plataforma de Afectats per la Hipoteca tamén emocionou á audiencia cun discurso cheo de humanidade. Lembrounos que a solidariedade é a chave tanto para manter a loita como para estabelecer unha rede alternativa de apoios cidadáns. Esta é a única táboa de salvación destas familias abafadas polas débedas, pero sobre todo por unha presión social e mediática tremenda que condena o feito de devir “pobre”, algo que lle pode pasar a calquera asalariada ou asalariado.

Elena Idoate, economista, que viña en representación do Seminario Taifa, tamén fixo unha intervención moi suxerente na que animaba ao público asistente a pensar que sí hai alternativas as políticas económicas que nos están a impoñer e que, en última instancia, nós, os cidadáns, temos moito que dicir e moito que facer.

Tamén se achegaron ao acto moitos outros grupos en apoio á Folga de Fame dos traballadores de Telefónica, que hoxe levan xa 8 días.

http://huelgadehambreentelefonica.blogspot.com.es/ 

martes, 6 de novembro de 2012

FOLGA DE FAME

Tal e como xa nos avanzaran hai uns días, varios traballadores de Telefónica acaban de comezar unha folga de fame, para esixir a readmisión de Marcos e a modificación da lei que permite que sexa a empresa a que decide se o traballador continúa ou non cando o despido é improcedente. Tamén piden que ningún traballador sexa despedido por caer doente. Para máis info:

http://huelgadehambreentelefonica.blogspot.com.es/

martes, 30 de outubro de 2012

PROVERBIO


"O ferro con ferro se aguza; o home agúzase co trato dos amigos"

...E a muller tamén ;-)

Prov, 27 : 17. Libro dos Proverbios

Marcos, despedido de novo

A primeiros do verán, chegou o mazazo: por aquilo das apelacións, Marcos quedaba despedido de novo, por ter un certo número de baixas por enfermidade, asinadas por un médico do Servizo Público de Saúde de Catalunya. Iso sí, o xuíz esta vez dictou un "despedimento improcedente". Seguro que lle quedou a cabeza descansada! A taberna, que ficou uns meses pechada, non se fixo eco deste acontecemento lamentable... Ímonos poñendo ao día aos poucos.

O 14 de agosto os seus amigos e compañeiros fixemos unha flash-mob aproveitando o pregón das festas de Gràcia.

Agora hai unha rolda de asambleas, compañeiros en folga de fame e máis accións por determinar. Ao meu entender, a folga de fame é, seguramente, unha protesta das máis contundentes que se poden facer. Só podo dicir que o único que me aleda é que Marcos non a faga, pois agora, na adversidade, o que debe e termar da súa saúde.


luns, 29 de outubro de 2012

Luces de Bohemia

Están a representar, na Biblioteca de Catalunya, as derradeiras andanzas  de Max Estrella, acompañado de Don Latino de Híspalis, que ben se puideran tratar das versións deformadas nos albores do século XX do paradigma Don Quijote-Sancho Panza, tamén caricaturas dos heroes medievais. A literatura con maiúsculas sempre está vixente: metáfora dunha España decadente, composta de cegos visionarios e de bébedos que non queren ver, e de fame, moita, moita fame. Da vontade de retratar esa España, Valle-Inclán fundou o esperpento, como única posibilidade de simulación dun país tan miserable que non acada para unha traxedia solemne ao estilo dos clásicos atenienses.



A recomendable adaptación dirixida por Oriol Broggi e interpretada pola compañía La Perla 29 asimila maxistralmente a abstracción espacial, que fixera irrepresentable no seu tempo as obras de Valle, e tíraa no seu proveito, facendo e desfacendo escenarios en segundos e “deconstruíndo” a escena clásica en area, ignoro se de touradas ou de circo.
As luces e as escuridades, a decadencia humana e social e certos instantes da posta en escena evidencian a estética de Goya, quen fora modelo, tamén, para o autor.


luns, 22 de outubro de 2012

O peor debe estar aínda por chegar: GALEGOFOBIA EN GALIZA!

Coma se dun pesadelo se tratara, hoxe, a miña terra, Galiza, refrendou a política máis nociva e perniciosa para os galegos. Non só lle está a dar soporte á política antigalega que vén executando o PP, senón que, ademais, apuntala a lexitimidade do goberno de Madrid para pedir rescates a Europa e continuar na liña destrutiva na que foron resistindo ata agora. Veremos qué nos depara o mañá. Síntoo polos nosos fillos, para os que non se albisca un panorama confortable. Eu, de natural "naive" por optimista, agora sinto gran amargura e non lle vexo o final a esta desfeita.

Xa non me vale o que noutrora me valera: os vellos que sacan en autocares coa papeleta do PP na boca; os que se absteñen son os de esquerdas; o voto do rural é conservador; que o sistema electoral favorece aos grandes... Isto xa son só palabras, palabras que o vento non leva nunca, porque os seus ecos resoan despois de cada consulta popular.

Co paro en aumento, imparable a emigración da rapazada; a nosa língua desprezada; o espectáculo do xuízo do Prestige (pois só se trata diso, dunha tétrica posta en escena)... Se non hai motivos agora para anceiar un cambio, non os vai haber nunca. A democracia en Europa cheira mal. Cheira a fuel-oil.

Puidemos e non quixemos. Ou se cadra, de certo non podemos e somos un pobo vello e canso, que pon a cachola no tallo, para que o verdugo remate a agonía.

http://sondepoetas.blogspot.com.es/2007/09/cando-penso-que-te-fuches-negra-sombra.html




sábado, 20 de outubro de 2012

Llibres, llibres, llibres!!! ... i idees.

Estou encantada!

Veño de escoita-lo segundo programa "Llibres i idees", conducido por Gemma Nadal e no que teño a oportunidade de colaborar como contertulia,  na sección "Tres cafès", xunto con Elisabet Gimeno e a propia Gemma. Todo e que o meu català é bastante exiguo e limitadiño, as miñas compañeiras compensan abondo esta falla miña e propician que sentir o programa sexa unha experiencia dinámica e rica para os libro-adictos.

"Llibres i idees" consta de dúas seccións. A primeira parte, "La navalla d'Occam", consiste nunha diálogo con Félix Eroles, licenciado en Filosofia e master en varias disciplinas, quen debate con Gemma Nadal sobre libros e temas relacionados coa filosofía, coa socioloxía e co mundo actual, dende unha perspectiva crítica e intelectual que fai desta sección, unha "rara e preciosa avis". Recoméndovolo encarecidamente.

A segunda parte é "Tres cafès", que se orixinou na facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona, onde as tres comenzamos a compartir andanzas e expedicións pola literatura e, algunha que outra, polos camiños da vida. A iniciativa de Gemma, que tanto Elisabet coma eu acollimos con entusiasmo, de falar de libros (agora en público) puido cristalizar grazas aos recursos que nos fornece o Ateneu Roig de Gràcia.

E na súa páxina é onde atoparedes o programa:

Llibres i idees - 1
La navalla d'Occam: Les lleis de l'estupidesa humana de C. M. Cipolla.
Tres cafès: Novel·la negra escrita per dones.
http://www.mixcloud.com/RadioRoig/llibres-i-idees-01/

Llibres i idees - 2
La Doctrina de Shock de Naomi Klein  / Ciutats literàries
http://www.mixcloud.com/RadioRoig/llibres-i-idees-02/

Na taberna, hoxe, queremos oferecer un brinde pola longa vida dos libros e das ideas, nesta época escura.

Salut, Llibres i idees!

luns, 15 de outubro de 2012

Galegofobia en La Vanguardia

Hoxe, nunha crítica de TV no xornal La Vanguardia, o señor crítico dicía algo así como "Mariano el Recorto Rajoy, el presidente más gallego del estado español" (non o lembro exactamente, ou, como diría Don Quijote, non o quero lembrar). ¿Este crítico estará a usar "gallego" co mesmo ton que a inefable Rosa Díez?

É este un periódico moi dado á chanza ou á descualificación con todo aquilo que lles cheira a galego. Seméllame incrible, en Catalunya, nun país que dalgún xeito está irmandado con Galiza e Euskalherria, en canto que nacións sen estado. Hai pouco sentinme na obriga de contestar as parvalladas dun gurú chamado Niño-Becerra, quen, ao parecer, para defender Catalunya precisa de atacar Galiza. Mesmo o President da Generalitat, Artur Mas, dixo un día non moi lonxano que hai nenos galegos e andaluces aos que non se lles entende ben o que falan.

Por non mencionar o trato que se está a facer nos medios das eleccións en Galiza. Só vexo caras do PP. E despois estráñanse que gañen sempre os mesmos... pero, imos ver: quen ten os cartos e os medios? Xa se viu en Grecia, cómo vai isto da democracia, todo e que foi fundada acolá... non en Galiza.

Tamén hai unha noticia feliz dunha representación de "Luces de Bohemia" na Biblioteca de Catalunya, pero de Valle-Inclán xa non se menta a súa orixe, agora non convén. POIS SI, SEÑORES FACHAS, TAMÉN ERA GALEGO.

Retallos (mentais), mentiras, precariedade, pobreza (mental). E aos paspalláns téñennos divididos entre Barça ou Madrid.

Eu decido manterme na ilusión e na ledicia e, como chanza en vaivén, adicarlles a toda esta tropa o Antigo Himno de Galiza ;-)) ¡VISCA CATALUNYA!



  SAÚDE AOS CEIBES.

sábado, 31 de marzo de 2012

La Grèce... ou non?

Perante a desfeita social que nos rodea atopei o outro día un cadro de Delacroix que hoxe sería actualidade: "La Grèce sur les ruines de Missolonghi" –1826.

O simbolismo desta imaxe poderíase tamén extender a moitos outros países.

Recomendabilísima exposición no Caixafórum de Barcelona, aproveitando que ademais hai outra de Goya.

domingo, 4 de decembro de 2011

A taberna da Galiana tamén nas ondas.

Atopei na rede esta homenaxe radiofónica a Cunqueiro nunha Taberna da Galiana esta vez ubicada nas ondas, e retransmitida por Radio Foz. A ligazón para o escoitar:
http://soundcloud.com/folque/a-taberna-da-galiana-parte1
http://soundcloud.com/folque/a-taberna-da-galiana-parte2