mércores, 11 de decembro de 2013

EU AMO

Eu adoro sentir o son da choiva desde a cama durante as longas noites de inverno. Eu amo o murmurio do vento entre as follas marelas e secas das árbores caducifolias, prontas a caer para nutri-la terra. Eu amo o vai e vén das ondas coa súa escuma a estoupar sobre as rochas, nunha alternacia fragorosa entre o berro e a efervescencia. Eu amo sobremaneira quedar hipnotizada cos matices da luz e co crepitar dunha fogueira. Amo tódolos ríos do mundo, pero fascíname o Pai Miño, lenturento, calado e voraz ao seu paso por Lugo. Amo a natureza sen estragar e os animais, coma irmáns xenerosos que nos redimen aos humanos das terribles falcatruadas e crueldades baleiras.

Pero eu tamén amo a música a todo volume, as festas ruidosas, as manifestacións numerosísimas e tronantes, percorrendo prazas e rúas, cantando consignas proletarias e soñando coa libertade, a igualdade e a fraternidade, coma terras lonxanas e prometidas. E tamén amo os berros dos nenos no patio das escolas, cando xogan xogos que os adultos non podemos comprender, porque xa os temos esquecidos...

Con tanto amor polo mundo, as xentes, a natureza, o mar, o lume, a música, os colectivos reivindicativos, os nenos... Uf! Ás veces é preciso parar e tomar unha certa distancia.

Entón debe ser por iso que eu amo tamén o silenzo, a meditación, o recollemento e, ademais, os gatos e Bach.
                        

Castelao. Rolda de nenos, 1943.

Ningún comentario:

Publicar un comentario