martes, 22 de xaneiro de 2013

Cincuenta Sombras de Grey: sexo, pancadas e moito luxo.

Os seres humanos somos caprichosos. É lugar común aquilo que sobre gustos non hai nada escrito. E os que escribimos sobre os gustos simplemente deixamos constancia dos nosos; da nosa opinión persoal, que vai cambiando, medrando, evolucionando ao longo de toda a nosa vida -o que non é malo, senón desexable-. Resumindo, que hoxe podo decir "digo" e mañán, se evoluciono, digo "Diego". E quédome tan contenta.

Mais non acadei aínda a iluminación precisa para atopar nas "sombras de Grey" un só punto de xenialidade, se excluímos deste comentario o detalle de que é un supervendas. Mesmo lin que é o libro máis vendido en Reino Unido en toda a historia das vendas libreiras no país de Shakespeare ¿será certo? A min seméllaseme unha chanza.

Polos mentideiros de internet porfíase que a triloxía naceu dunhas cantas fics (abreviatura de fanfiction) que a autora, E. L. James, elaborou partindo das personaxes da tamén supervendas "Crepúsculo". Edward e Bella son sustituídos por Christian e Ana. A historia está contada por ela. El é un tiazo guapísimo, sofisticado e sexy, inmensamente rico grazas ao seu holding empresarial Grey que fai parecer a Ruiz Mateos un aprendiz do Monopoly. Ela, unha inexperta recén licenciada en literatura inglesa que nunca namorara deica o momento en que tropeza con este fenómeno. Desde o principio hai moita chispa, ata que chegan os lóstregos, ou máis ben, os lostregazos. Resulta que ao tío bon vaille o sado...

Entón aparece un contrato (para que a rapaza asine a súa sumisión), o control absoluto do seu corpo (alimentación, xinecóloga, roupa...) e mesmo agasallos para poder localizala en todo momento (blackberry, mac).  Intercálanse comidas e ceas de luxo e mesmo viaxes en helicóptero privado. A min o conxunto lémbrame ás propostas de control neocons da muller, ou porqué non, por extensión, da clase traballadora: sumisa, voluntaria, renuncia ao seu corpo (esta loita é moi antiga), dependente. Resumindo, todo aquilo que as primeiras feministas se preocuparon de rexeitar e que preocupa tamén aos novos indignados.

De literatura fálase, pero pouco e superficialmente dun libro, pero non teñan medo fálase máis da roupa que lucen os personaxes. ¿Chic-lit? . Encol do estilo e artificios retóricos sinalar que son planos e/ou inexistentes. Se cadra innecesarios. Semella que encheu un "nicho de mercado" baleiro que dan en identificar como "porno para mamás". Noraboa aos editores. Teño que ser honesta e admitir que só lin o primeiro libro da triloxía. Se cadra o sado-maso redímese máis adiante e triunfa o amor, todo apunta a que si.

Na miña caprichosa opinión, como empecei dicindo, este é un produto pouco elaborado, como unha hamburguesa do McDonald's. Emporiso, como esta cadea de comida rápida, tamén cumpre cunha función que eu non sei ver ou non sei apreciar. Hai un anaquiño, mentres redactaba esta crítica, lembrei a situación das librarías que están a desparecer.
Ah, hai rumores de que no local da Catalonia, na Ronda Sant Pere van poñer un McDonald's.

 O Marqués de Sade. Ademais de perversa, a súa prosa é enxeñosa, anticlerical e crítica co sistema da época.

4 comentarios: